Velaquí un pequeno resume da nosa viaxe con final
“feliz”, pero hai que resaltar unha cousa, conseguimos algo que nunca
imaxinariamos: comunicarnos sen problemas nunha lingua que non é nosa e
iso faite sentir ben, faiche sentir que podes viaxar polo mundo sen ningún
problema e que ti es quen de facer chegar as túas ideas a todo o mundo. (Izas)
A experiencia foi impresionante: comunícaste con outra
persoa cun idioma que non é o teu, coñeces un país, fas amigos, ... (Cris)
Mércores,
22 de Maio
¡Por
fin!, despois de tanta espera e de unha noite sen durmir
chegou o gran día: íamos partir cara Finlandia. Ata daban arrepíos de
pensalo.
Tras unha pequena viaxe en coche cara Porto e de
saudar as nosas amigas portuguesas que nos acompañaron durante toda a
viaxe, subimos ó tan esperado avión, era a primeira vez e as dúas
estabamos dos nervios, aínda así todo foi moi ben e xa tiñamos ganas de
subir ó seguinte.
Tras 4 horas en París sen poder saír do aeroporto
(os bolos de París están boísimos) montamos no seguinte avión directos
cara Helsinki. Desta vez tocounos a carón da fiestra e foi máis
divertido. Cando chegamos (case as 11 da noite) collemos un autobús e
fomos cara o hotel. Polo camiño topamos cun rapaz venezolano que veu
falar con nós ó escoitar que falabamos castelán.
Xoves, 23
de Maio
Foi unha boa noite e o máis raro foi que ás 4 da
mañán xa era día. A mañán seguinte fomos dar un paseo por Helsinki e
pareceunos unha cidade preciosa, visitamos a catedral, o mercado, vimos a
universidade e ata o senado; alí foi onde empezamos a cambiar os
primeiros euros.
Ás dúas e algo collemos o tren (polos pelos), onde
coñecemos os rapaces noruegos cos que estivemos falando (máis ben
intentandoo, pois eran moi calados) case toda a viaxe. Foi moi bonito coñecer
a unha persoa doutro país e poderse comunicar.
Chegamos a Pori onde os profesores finlandeses nos
estaban a esperar, fomos ó hotel dos profesores e despois fomos cear a un
restaurante cerca dun río, era moi bonito.
Cando
acabamos de cear, Mauri e Laila (profesores finlandeses) levaronnos cara
Reposaari, onde os nosos hóspedes nos estaban a esperar. Todas (as 5)
estabamos dos nervios por coñecelos e porque naquela noite non poderiamos
falar con ninguén no noso idioma. Todas nos facíamos a mesma pregunta ¿e
se non nos entendemos?
Chegamos
á illa de Repossari e parecía como se todo o pobo estivese alí agardándonos,
en canto as nosas amigas se achegaron e empezaron a falarnos todos os
nervos desapareceran, non había nada que temer.
Venres, 24
de Maio
Chegamos
ó colexio e repartíronnos en 4 grupos, todos íamos facer o mesmo pero
en distinta orde. No meu grupo estaban: Suvi, Lotta, Ann, Mads, José João
e a profesora noruega. Primeiro visitamos algunhas clases, como a de química,
a biblioteca e a de carpintería, despois fomos tomar un zumo cuns pasteliños
todos xuntos nunha clase, e cando rematamos fomos ó colexio dos nenos
pequenos, onde todo o mundo estaba descalzo nas aulas, cousa que nos
sorprendeu moito.
Aínda que non tiñamos moito tempo fomos ver a
igrexa e cando chegamos de volta ó colexio subimos no autobús para
marcharnos a Pori, xa que íamos comer no concello.
Tivemos a tarde libre e cada un fixo o que lle deu
a gana en Pori co seu amigo e despois todos collemos un autobus de liña
cara Reposaari.
Sábado,
25 de Maio
Tivemos toda a mañá libre e a maioría decidimos
durmir, xa que estabamos moi casados. Ás duas collemos un autobús cara
Yyteri, é dicir cara a praia. Estivemos alí como media hora e despois
marchamos cara o local dun sindicato que estaba ó lado do mar, alí había
xogos, columpios, e o máis importamte para nós, a sauna.
Despois de xogar e pasar o tempo, fomos á sauna,
foi unha experiencia moi rara pois non podía entender como aguantaban
aquela temperatura, era demasiado alta, pero elas aínda querían subila máis.
O sistema da sauna era o seguinte: había algo así coma unha estufa,
enriba tiña unhas pedras incandescentes e se ti querías subi-la
temperatura só tiñas que botar auga fría sobre as pedras. Cando saías
da sauna tiñas que meterte na auga xeada do mar.
Saímos da sauna e ceamos algo, despois as portuguesas
fixeron un guiñol representando a súa lenda. Foi moi bonito o malo foi
que só nós poidemos entendelo.
Sábado,
26 de Maio
Ás
dez da mañán e con caras moi tristes marchamos no tren cara Helsinki,
polo camiño tivemos que cambiar de tren e no segundo os noruegos regaláronnos
unha barriña de chocolate que estaba moi moi boa.
Chegamos a Helsinki e no aeroporto nos despedimos
dos noruegos, sempre dándonos a man, pois alí o dos bicos non se leva,
collemos o avión outra vez polos pelos e nos diriximos a París para
facer escala por segunda vez.
Chegamos a Porto, si: nós chegamos pero as nosas
maletas non, incrible, a viaxe fora demasiado boa, evidentemente faltaba
algo así.
Chegamos a Vigo e cada un á súa casa, sen roupa
que poñer ó día seguinte, claro.
(Izas,
alumna de 3º da ESO no IES Valentín Paz Andrade - Vigo)
O día 22
de Maio saímos de Vigo e no Porto encontrámonos coas rapazas de Portugal
e o seu profesor. No aeroporto Mário de Sá Carneiro collemos o avión.
Para min e para a miña compañeira era a primeira vez que subiamos nun
avión; foi unha experiencia inolvidable. A escala foi en París, tiñamos
pensado visitar Notre Dame pero non nos chegaba o tempo, polo que fomos
tomar algo e probar os bolos de París. Volvemos ao aeroporto e collemos o
voo con destino a Helsinqui.
Chegamos á capital de Finlandia e dirixímonos ao hotel, no que
pasamos unha noite. O hotel era moi cómodo e bonito, pasámolo moi ben no
hotel coas compañeiras portuguesas. E coñecemos ás profesoras gregas.
Ao día seguinte pola mañá fomos visitar a cidade.
Despois do mediodía collemos un tren para Pori, onde nos iamos instalar.
No tren presentáronnos aos tres alumnos de Noruega e os seus porfesores.
No transcurso da viaxe estivemos falando entre todos os alumnos:
portugueses, noruegueses e nós.
Na estación estábannos a esperar profesores e o director
do colexio onde as finlandesas estudian. Leváronnos ao hotel onde os
profesores noruegueses, gregas, escocesas, o profesor de Portugal e o noso
se ían hospedar o resto dos días.
Fomos cear todos xuntos e ao rematar a cea leváronnos ao
colexio onde estaban as nosas respectivas familias. Esa noite eu estiven
falando con ela sobre a viaxe, o que iamos facer,...
Ao día seguinte fomos á escola. Ensináronnola, e tamén
a igrexa, a praia, ... Todos os días tiñamos actividades para facer,
pero cando tiñamos tempo libre a miña compañeira finlandesa e eu iamos
dar unha volta coas súas amigas. Tivemos un día pola tarde para comprar
agasallos para as nosas familias.
O día da despedida foi moi triste, e a experiencia
impresionante: comunícaste con outra persoa cun idioma que non é o teu,
coñeces un país, fas amigos, ...
Cris,
alumna de 3º da ESO no IES V. Paz Andrade
voltar arriba |